A Cova da Terra é unha ONG que traballa desde 1995 no eido do comercio xusto, vendendo produtos das cooperativas de países empobrecidos e sensibilizando e formando ás/aos consumidoras/es, e futuras/os consumidoras/es do noso contorno máis próximo.

A Cova da Terra pertence como socio fundador á Coordinadora Estatal de Comercio Xusto, abrindo a primeira tenda de comercio xusto de Galicia en Lugo.

Desde os comezos un dos obxectivos prioritarios de A Cova da Terra é o de crear conciencia crítica en toda a poboación en xeral e na lucense en particular, sobre o abismo que hoxe en día separa a uns poucos países e persoas do resto, asumi-la responsabilidade que temos niso, para levar a cabo accións que posibiliten o camiño cara a situacións e relacións de xustiza e igualdade entre pobos e persoas.

Neste senso estase a realizar un labor serio e razoado das situacións de inxustiza, violencia e ausencia de dereitos humanos, reclamando un sistema de valores éticos que propicien o cambio cara á construción dun mundo diferente.